Unha orquestra que sempre está 'en zona de Champions'
Son corenta e seis músicos e proceden dun total de dezanove países diferentes. Húngaros, alemáns, filipinos, galegos,..., conseguiron que a Real Filharmonía de Galicia, que ten xa noves anos e está situada en Compostela, sexa hoxe en día unha das orquestras con maior prestixio de toda España e que pouco a pouco consolide tamén o seu lugar no contexto internacional.
Son bos de carallo. Dixo unha vez un crítico musical tras quedar abraiado, logo dun concerto, ante a enorme profesionalidade dos músicos da Real Filharmonía. Situada no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, e lonxe de agochar tras de si unha idea antigaleguista
—xa que só a integran catro músicos que proceden da nosa comunidade—, a orquestra consegue ser un claro exemplo de que a multiculturalidade non está rifada co éxito profesional. Como toda formación deste tipo, as audicións do persoal realízanse a nivel mundial e a elas preséntanse músicos de todos os recunchos do mundo. Os mellores son os que conseguen a praza e por iso, hoxe en día na Filharmonía conviven profesionais con dezanove nacionalidades diferentes. A maioría chegaron a Compostela sen case saber falar español e menos galego, pero todos tiñan algo en común: sabían interpretar as mellores pezas de música clásica da historia e saben adaptarse ás novas partituras.
O filipino Luis Ortiz, a húngara Ildiko Oltai, a alemá Anne Schlossmacher e o coruñés Manuel Veiga son catro dos corenta e seis músicos que forman parte na actualidade da orquestra santiaguesa. Cada un de diferente país e con distinta formación, conviven sen problema e están orgullosos de formar parte deste equipo. Con ganas de traballar e de superarse cada día, só teñen unha meta: que cada vez máis xente saiba que en Santiago hai unha orquestra de gran calidade e que a música clásica si é apta para todo tipo de públicos, estean cultivados ou non na materia.
Luis Ortiz toca o contrabaixo. Comezou na música "bastante tarde'', cando tiña que escoller unha disciplina para ir á Universidade. "Estudei Composición en Filipinas e logo probei varios instrumentos, ata que ós 22 anos me decantei polo contrabaixo'', explica. En 1987 marchou a Viena para continuar coa súa formación e foi alí onde soubo de que había unha praza para a Orquestra Sinfónica de Galicia, situada na Coruña. Aprobou e veu para a cidade herculina en 1995. Catro anos máis tarde, conseguiu tamén praza na Filharmonía compostelá e decidiu cambiar de equipo. Agora asegura sentirse moi ben aquí. "En Filipinas, a vida dun músico é bastante dura. A min gustaríame ter a posibilidade de quedar en Austria, porque é a cidade da música, pero sendo estranxeiro, alí non hai oportunidades. Agora, en Compostela síntome moi cómodo, estou moi agusto e teño tres fillas que estudan aquí, que xa son galegas'', di.
Sobre as posibles complicacións de que cada músico sexa dun lugar diferentes, Ortiz considera que "a situación é moi normal, porque todos os compoñentes facemos unha mesma cousa, música, e a música é igual en todos os países, o que é distinto é o ambiente'', di. De feito, o contrabaixista recoñece que "en Austria, os músicos están máis recoñecidos, son máis respectados, e en España, neste sentido, imos un pouco por detrás''.
Ó respecto, Luis Ortiz sorpréndese moito de que "en Santiago, hai moita xente que non sabe que existe esta orquesta. Cando lles digo que toco aquí, pensan que estou na banda municipal ou que toco para a Sinfónica, e iso dame moita pena''. Por iso, non dubida en decir que a solución pasaría por realizar unha campaña de publicidade maior, pero "é cuestión da Administración, do Consorcio e do alcalde da cidade'', cre.
Esta opinión tamén a comparte Ildiko Oltai. Natural de Hungría, comezou no mundo da música con sete anos, na escola normal, onde se decantou polo violín. Tras estudar en Budapest e traballar alí en varias orquestras, en 1996 informouse da audición para a Filharmonía. "Colléronme e viñen probar sorte, pensei que por un ano ou dous e que logo volvería buscar traballo ó meu país, pero o destino cruzouse no meu camiño porque en 1997 coñecín o meu marido, que é galego, e quedei'', lembra. Sobre as diferenzas entre países, Ildiko asegura que "é moi parecido ser músico en Hungría e ser músico aquí, o que é diferente é o sistema económico''. De feito, en Hungría a educación musical é moitísimo máis alta que aquí e alí dáselle moita importancia a esta arte, porque desde os seis anos, os nenos estudan música, o que pode explicar que os músicos doutros países superen en nivel nas audicións ós que son de aquí.
"A diferenza de nacionalidades non é un problema para organizarnos na Filharmonía. Cando empezamos, había moi pouca xente que falase en español, e entón, aínda que os ensaios eran meste idioma, entre nós falabamos en inglés. Cando pasou un ano, xa todos aprendemos a falar rápido e ben, e agora ninguén ten problemas para comunicarse nin para entenderse.
Sobre se a música clásica é só para cultos, Oltai non o dubida: "Eu diríalle a toda a xente que se anime a vir ós nosos concertos, porque somos novos, non somos unha orquestra de xente maior, e así poderán ver que a súa xeración fai unha cousa que ó mellor eles non coñecen. Non é que non lles interese, é que o ignoran e dependen de que alguén lles abra as portas e lles diga que escoiten, que isto é algo bonito. A nós tamén nos gusta a música pop, non escoitamos música clásica día e noite, pero ó revés non é así''.
Por iso, defende que a Filharmonía faga obras populares, fáciles de escoitar, que lles poden gustar e así a xente nova verá que somos xente normal.
Anne Schlossmacher é outras das integrantes da Filharmonía. Naceu en Alemaña e tamén comezou con nove anos, no colexio a tocar o violín. Agora toca a viola. "Viñen para aquí porque me ofrecían un traballo máis estable. Cando cheguei, hai cinco anos, non sabía nada de español, só un pouco de inglés, pero iso non foi problema'', di. "Estamos acostumados a estar rodeados de xente de culturas e idiomas diferentes, porque en todas as orquestras pasa así. Para traballar falas nun idioma e logo na pausa escoitas outros cinco, pero organizámonos ben''.
Para Schlossmacher é "unha honra ter traballo como música'' e tamén anima a xente a que vaia ós concertos para poder valorar se lles gusta ou non esta música,
"que non se ergan prexuízos''. E no medio de tanto multiculturalismo, Manuel Veiga é un dos catro galegos que forman parte de Filharmonía. "Ós meus pais sempre lles gustou a música e incluso o meu avó tocaba o clarinete requinto. Esta afección familiar fixo que tamén eu e os meus irmáns nos fósemos introducinco neste mundo''. Veiga ten 22 anos, é o máis novo da orquestra compostelá e comezou a súa formación cunhas clases particulares que lle impartía o fagotista da banda municipal da Coruña. A experiencia gustoulle e agora é el o ***** da Filharmonía, desde o mes de marzo do ano pasado.
"A experiencia de traballar con xente de tantos países diferentes véxoa moi ben. Na orquesta hai un ambiente agradable, eu chego e falo con calquera, non hai ningún problema á hora de entendernos nin de tocar'', asegura.
Sobre a escaseza de galegos no equipo, considera que "xa é todo un logro que sexamos catro, porque noutras orquestras do resto de España, ves que non hai ningún español''..
Consciente de que a música clásica pode ter fama de aburrida entre as novas xeracións, el defende que no fondo, "todo o mundo sabe que é unha tradición moi valiosa na cultura'', por isto os seus amigos, lonxe de miralo como un bicho raro, admírano.
El tamén considera que se lle debe de facer máis publicidade á orquestra para que teña máis público e de feito, no próximo ano, realizarán un spot. Sobre el fala Oriol Roch, un catalán que é o director técnico da Real Filharmonía de Galicia.
"Faremos un esforzo comunicativo co concello para dar a coñecer a orquesta a todo aquel que non saiba que existimos, aínda que a nosa idea é bastarnos por nós mesmos'', explica. "Mira para Zara, ela non ten publicidade pola rúa, pero fixo un produto moi ben enfocado para un público determinado e funciona, pois nós queremos ser así, temos un produto moi bo e queremos que a xente veña, que nos coñeza e saiba que estamos aquí'', defende.
Consciente de como é o carácter galego, Roch tamén recoñece que "moitas veces necesitamos ver que os nosos están saíndo e triunfando no estranxeiro para darnos conta de que son realmente bos''. Por iso, a Filharmonía seguirá conxugando os seus programas no Auditorio de Galicia con xiras por Sudamérica, Francia e o resto de España.
Con recoñecido prestixio en todo o país, este conxunto chegou a tocar con músicos do máis alto nivel, solistas e directores que aceptaron facer programas con eles. "Isto conséguese pagando, pero coidado, non ben calquera ofrecéndolle cartos, depende da orquestra, hai que ter un prestixio para que veñan tocar contigo. Se veñen aquí é porque nós cubrimos o seu caché e porque rexeitaron outros proxectos e consideraron que este, coa Real Filharmonía de Galicia, é moi interesante, porque esta orquesta está nun momento moi doce e está medrando. Estou convencido de que esta tempada e a que vén serán magníficas e xa co décimo aniversario, en 2006, será a eclosión'', vaticina.
Oriol Roch está convencido de que o produto cultural que xestiona é un dos mellores do Estado, por iso non dubidou cando deixou o seu traballo de manager en Barcelona para virse a Galicia. "Non podía rexeitar a oferta, porque como sempre digo eu, se comparamos a orquestra co mundo do fútbol, poderiamos dicir que a Filharmonía sempre está en zona de Champions. E como se dun equipo de fútbol que se prece se tratase, na Filharmonía tamén xogan profesionais de moitos países. "Non é un problema, ó contrario, é algo que enriquece máis esta orquestra. Os colectivos humanos enténdense
perfectamente independentemente do idioma'''.
"Eu diríalle a todo o mundo que se deixe sorprender, porque a primeira vez que tomas algo, ó mellor non che gusta, pero logo xa si. A música que interpretamos nós é moi boa. Se a xente nunca escoitou unha orquestra, neste auditorio teñen oportunidade de facelo e a un prezo moi bo, en comparación con outras cidades. Ademais, se son estudantes teñen descontos a maiores'', defende, porque sabe que "as orquestras transmiten certas cousas que para alguen que non teña formación musical pode ser un gran descubrimento''.