Non sei se existe como tal, pero hai un roteiro turístico para pasar un sábado e coñecer dous excepcionais reliquias da aristocracia galega, das poucas que se conservaron nas mans orixinais. Unha delas é o
Pazo de Antero, da que vos teño falado aquí, unha mansión interesantísima que aínda mantén os propietarios da familia e que é unha gozada visitar da man do seu propietario, que nos relata e da conta a historia da casa.
A outra é o Pazo de Tor. O pazo foi doado pola súa propietaria, Dona María de la Paz Taboada de Andrés y Zúñiga, a última descendente directa da estirpe, á Deputación de Lugo. Trátase dunha notable mansión que pertenceu, durante tres ou catro séculos, á mesma familia, moi arraigada na comarca e vinculada, como todas as da zona, ao Condado de Lemos. O importante do pazo de Tor é que dona María, a antiga propietaria, fixo unha serie de estipulacións na doazón, entre elas que se conservaran os cuartos, e os obxectos que neles existen, tal e como ela o ordenou. Iso conseguiu evitar unha reforma e que o pazo sufrira o impacto dunha museoloxía moderna que nos quixera explicar os pazos da A á Z coma se foramos nenos de parvulario. Deste xeito, en Tor pódese ter o magnífico privilexio de coñecer os cuartos e os obxectos neles contidos tal e como os viviron ata que nos 90 o pazo foi cedido para os fondos públicos. Poetas como Novoneyra, que eran convidados á mansión, viron o pazo dun xeito moi similar ao actual.